Monday 13 de May de 2024

A casa da cultura albergará unha exposición de xoguetes Playmobil escenificados


A casa da cultura Raquel Fernández Soler dará cabida do 10 ao 30 de setembro a unha nova exposición titulada Lembranzas da miña infancia. Esta mostra do coleccionista Santiago Vázquez atópase formada por máis dunha centena de xoguetes Playmobil escenificados.
A maioría das pezas datan da década de 1970 e clasifícanse en diversas temáticas: bélica, época vitoriana ou contemporánea, entre outras. Ademais, algúns dos elementos son exclusivos ao estaren feitos e pintados á man.
Con esta exposición, Santiago Vázquez pretende transmitirlles ás xeracións máis novas como xogaban as persoas da súa idade, cando non existía tanta tecnoloxía aplicada ao ocio. Tamén incide na importancia de que as e os proxenitores pasen tempo de lecer coas súas crianzas e, segundo as súas palabras, os Playmobil constitúen unha boa maneira de xogaren en conxunto grandes e pequenos/as.
As visitas pódense realizar de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.30 e de 18.30 a 20.30 horas.